BibEsc - Bibliotecas Escolares

09 abril 2007

NO AL PRÉSTAMO DE PAGO!!!

NON AO PRÉSTAMO DE PAGO EN BIBLIOTECAS

Recientemente, o Tribunal de Xustiza Europeo condenou o Estado español a transpoñer a directiva 92/100, controvertida en practicamente todos os países europeos. Esta directiva obriga as bibliotecas a facer algo contrario á súa filosofía: pagar por prestar os libros aos lectores. O Ministerio de Cultura, no canto de unirse con outros países para tratar de anular esa disposición, claramente prexudicial para a cultura, ten a intención de incorporala na futura Lei do Libro, a Lectura e as Bibliotecas, impoñendo un canon ás bibliotecas pola súa actividade principal: o préstamo de libros e outros materiais.

Este canon lígase ao concepto de dereitos de autor, pero isto non é máis ca unha coartada. A inmensa maioría dos autores non van percibir practicamente nada a cambio de que as bibliotecas presten os seus libros, como se ten comprobado nos países nos que xa se aplica a directiva. Ademais, centos de autores opóñense a este canon: Andrés Aberasturi, Belén Gopegui, Carlo Frabetti, Darío Fo, Emilio Lledó, José Luis Sampedro, Maruja Torres, Miguel Delibes, Rosa Regás, Rosa Aneiros, Xosé María Álvarez Cáccamo, Manuel Rivas, Anxos Sumai... e un longo etcétera, ademais de centos de profesores universitarios. A biblioteca é, sen dúbida, unha aliada dos autores, que promociona en moita maior medida que calquera outra institución.

Se se chega a aplicar este canon, os orzamentos adicados a bibliotecas sufrirán un recorte inevitable, e hai que ter en conta que España é un dos países europeos con menor gasto social en bibliotecas, e tamén dos máis atrasados en canto a indicadores de lectura. Dificilmente pode esta medida dar pulo á lectura, como se di na exposición de motivos da futura Lei do Libro, a Lectura e as Bibliotecas. Por outro lado, este canon supón un paso adiante na ofensiva neoliberal contra os servizos públicos, xa que os dereitos de autor están xa recollidos no prezo de venda de libros e outros materiais. É unha agresión á biblioteca impoñerlle unha carga impositiva por exercer a súa misión principal: o préstamo. Este novo imposto introduce unha lóxica mercantilista na biblioteca, absolutamente rexeitable, e, ademais, será recadado non pola administración, senón polas entidades de xestión dos dereitos de autor, correas de transmisión dos intereses dos grandes grupos editoriais.

A directiva 92/100, como calquera outra, é cuestionable. A Plataforma contra o Préstamo de Pago impugna a súa filosofía e está a levar a cabo unha campaña informativa entre a opinión pública e as organizacións. O obxectivo final d a Plataforma é xerar o debate social que se ten esquivado e, eventualmente, conseguir a retirada da directiva. Non é aceptable que os gobernos vaian a Europa cunha postura feble na defensa dos seus servizos públicos e volvan coa mensaxe resignada de “Europa obríganos a cumprir a directiva”.

As organizacións que queiran sumarse a este comunicado, pódeno facer a través do correo electrónico adhesiones@noalprestamodepago.org.

Os cidadáns que desexen apoiar a campaña NON AO PRÉSTAMO DE PAGO EN BIBLIOTECAS, pódeno facer a través da biblioteca máis próxima.

Para máis información: http://www.noalprestamodepago.org


PLATAFORMA CONTRA O PRÉSTAMO DE PAGO
Marzo 2007


Biblioteca Universitaria de Vigo. Sección de Referencia-Biblioteca Central, Campus Lagoas-Marcosende 36200 VIGOTel. 986-813843referencia@uvigo.es
--~--~---------~--~----~------------~-------~--~----~Mensaje de Anabad Galicia

Etiquetas: ,